Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

1 de agosto de 2017

PRESENTADO O FESTIVAL REVENIDAS´17














A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presentou hoxe en Vilaxoán unha nova edición do "Revenidas 2017", un dos #RíasBaixasFest que durante este verán están dando a nota musical á provincia de Pontevedra.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou tamén na presentación que tivo lugar no parque Dona Concha da localidade arousá. Interviñeron tamén Xoán Quintáns, director do evento, e  Sonia Outón, concelleira de Cultura, ademais do músico Xurxo Souto.

No acto, Carmela Silva aproveitou para felicitar aos organizadores polo "forte compromiso solidario que ten este festival". Tamén salientou que "este aspecto solidario do Revenidas engrandece o festival" e afirmou sentirse "moi honrada pola mensaxe que se lanza este ano dende Vilaxoán de que os refuxiados son benvidos."

O Revenidas de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, converteuse nunha referencia en Galicia pola súa aposta pola música feita en galego e pola súa combinación coa presenza de grandes bandas destacadas internacionalmente. Dende o 2003, ano da súa primeira edición,  non deixou de medrar en canto a actividades e asistencia, chegando o ano pasado a ter unha asistencia de 15.000 persoas. Nesta 14ª edición forma parte dos oito eventos que están detrás da marca Festivais Rías Baixas.

O alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, agradeceulle á Deputación de Pontevedra o seu traballo por "conseguir enmarcar tódolos festivais das Rías Baixas baixo un mesmo paraugas." Tamén aproveitou o acto de inauguración para "felicitar aos ‘tolos' que conseguiron facer dunha festa tradicional un festival de referencia no calendario musical do país."

Revenidas ocupará a axenda cultural de Vilaxoán durante os días 18, 19 e 20 de agosto con máis de 25 concertos e actividades de balde pensadas para todas as idades. Entre os grupos que actuarán en Vilagarcía de Arousa destacan algúns como La Pegatina, Riot Propaganda, Terbutalina, Skindred ou Bohemian Betyars.

No "Festival das Línguas" poderanse escoitar cancións en galego, castelán, catalán, euscara, inglés ou húngaro e de estilos tan diversos como o balkan, ska, punk, rock, pop, garage, rap, hip hop, funk, dubstep, trap, reggae, folque ou electrónica.

A presenza de grupos como Bolboreta, De Vacas, Pupil·es ou Voodoo, catro bandas lideradas por mulleres, amosan a importancia da igualdade neste festival, algo do que se sinte moi orgullosa Carmela Silva. "Tamén quero resaltar o importante papel das mulleres neste festival. No mundo da música hai moitas mulleres talentosas e por iso teñen que ter moita relevancia neste tipo de festivais, tal e como ocorre neste Revenidas 2017."


O festival "Revenidas 2017" contará con dous escenarios nun recinto pechado para os concertos de pago, o Escenario Mahou máis o Escenario Deleite. Ademais, o festival conta cun amplo espazo de acceso libre no entorno do porto, ao redor co edificio da Praza de Abastos, onde terán lugar as actividades de balde para todos os públicos. Haberá pasarrúas, música tradicional, acústicos e  melodías para os e as máis pequerrechas da familia.

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, finalizou o acto invitando a toda Galicia e a toda España ao festival e afirmando que "estou segura de que con este cartelón e coas sardiñas imos superar as cifras da pasada edición e de que os asistentes vivirán unha experiencia única, pois o Revenidas é un festival cheo de maxia, de intelixencia, de talento, de compromiso e de solidaridade."

As entradas, que teñen un prezo de 35 € (45 € no despacho de billetes) polo bono dos tres días, pódense adquirir a través da páxina web do Festival e en puntos de venta físicos das catro provincias galegas. Amais, pódense mercar entradas para un só día por 20€ (25€ na taquilla).








No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.