Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

25 de enero de 2018

A DEPUTACIÓN INCREMENTA A PARTIDA ORZAMENTARIA PARA A DINAMIZACIÓN DO GALEGO E ESIXE COMPROMISO POR PARTE DOS CONCELLOS










A Deputación incrementa a partida orzamentaria para a dinamización do galego e esixe un compromiso claro por parte dos concellos

Xosé Leal anuncia que as axudas para os servizos de normalización lingüística e para a dinamización do galego contan cunha partida de 300.000 euros e que se esixirán compromisos mínimos por parte dos concellos.

"Incrementamos a partida orzamentaria das axudas destinadas a promover o uso do galego ata os 300.000 euros, que é o dobre do orzamento de hai dous anos, pero igual que a Deputación incrementa os recursos imos esixir que os concellos incrementedes o voso compromiso" asegurou esta mañá o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, durante a III Xornada de Normalización Lingüística. O deputado indicou que estas axudas, que naceron con 150.000 euros no ano 2016, son imprescindibles "porque queremos que se aposte máis polo galego desde a Administración local", e neste sentido sinalou como a primeira das novidades que "se primará aqueles concellos que teñan ou decidan crear un servizo de normalización lingüística". Así, nesta convocatoria a Deputación achegará a cada concello, agrupación de concellos ou entidade local menor un 75 % do orzamento de gastos do servizo de normalización lingüística, ata un máximo de 15.000 euros. A este respecto, o deputado nacionalista anunciou que "para o reparto das actividades culturais do Ano da Lingua tamén se primará aqueles concellos que teñen un servizo de normalización lingüística e que levan tempo facendo un traballo continuado e rigoroso en canto á promoción do uso do galego entre a súa veciñanza".

Esta aposta por impulsar a creación e mantemento dos servizos de normalización lingüística foi o tema central dunha xornada que reuniu a alcaldesas e alcaldes, concelleiras e concelleiros, e técnicas e técnicos de máis de corenta concellos da provincia. Nesta sesión déronse a coñecer tamén as conclusións da Auditoría lingüística dos concellos da provincia de Pontevedra, realizada pola Mesa entre os meses de febreiro e maio de 2107 e que, entre outras cuestións, evidencia a baixa implantación deste servizo na provincia: tan só 12 dos 61 concellos conta cun servizo de normalización lingüística.

Ao igual que nas dúas convocatorias anteriores, os concellos que opten a estas axudas poderán elixir entre solicitar a "creación ou mantemento do servizo de normalización lingüística", ou a "promoción e desenvolvemento de programas de dinamización do galego".
Leal tamén sinalou como requisito de obrigado cumprimento que os concellos que non teñan ordenanza nin regulamento municipal sobre o uso de galego o aproben antes de que finalice o ano 2018. Para facilitar este traballo entregóuselles ás persoas asistentes un modelo de ordenanza para o impulso social da lingua galega nun concello realizado pola Coordinadora de Traballadoras e Traballadores pola Normalización Lingüística. Na actualidade só contan con esta ordenanza 13 concellos da provincia. O deputado de Cultura e Lingua tamén asegurou que será imprescindible que nas solicitudes para a "promoción de programas de dinamización" se achegue unha memoria de todas as actuacións e accións  transversais de cada unha das áreas de goberno (a maiores da propia proposta subvencionable). En canto á proposta subvencionable, a solicitude debe incluír polo menos tres eidos dos sete que mencionan as bases: ensino, comercio e industria, tecnoloxías da información, turismo, premios e distincións, urbanismo e medio natural, e benestar social e igualdade. Por último, entre as novidades tamén se inclúe que as propostas subvencionables deben ter un orzamento non inferior a 3.000 euros.
Iniciativas de éxito
Ademais de facer públicas as novidades das axudas para este exercicio, na Xornada interviñeron o presidente da Mesa, Marcos Maceira, para dar a coñecer as conclusións da Auditoría lingüística dos concellos da provincia de Pontevedra; ademais da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, o concelleiro de Cultura de Cambados, Víctor Caamaño, e o concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Constenla, para explicar o traballo de dinamización e normalización nos seus respectivos concellos.

Leticia Santos lembrou que Moaña é un dos primeiros concellos da provincia que conta con servizo e técnica de Normalización Lingüística, desde o ano 1988, polo que o traballo estable dá lugar a avances en canto á implantación do uso do galego en todos os ámbitos municipais. A alcaldesa explicou que o traballo de normalización e asesoramento comezou co propio persoal municipal para ir avanzando cara a veciñanza a través de colectivos sociais e culturais e a colaboración con centros educativos. Tras esta primeira fase que Leticia Santos cualificou como "imprescindible", están agora a traballar en programas de dinamización para todas as franxas de idade, centrándose sobre todo en idades temperás e a adolescencia. Como exemplos, Leticia Santos mencionou o programa Rechouchíos, destinado a crianzas entre os 3 e os 8 anos, e a programación estable semanal en período escolar. "Agora estamos vendo que as crianzas demandan cultura e que demandan cultura en galego" asegurou a alcaldesa. A rexedora de Moaña tamén mencionou que, no pasado ano, o seu concello contou cunha axuda da Consellería de Cultura de 3.600 euros para este eido, e con 7.800 euros das axudas da Deputación. A este respecto agradeceu a sensibilidade do organismo provincial para "apostar pola lingua, algo que nunca antes ocorrera ata que chegou Xosé Leal ao departamento de Lingua".

Juan Constenla fixo un repaso exhaustivo do traballo feito no concello da Estrada desde a década de 1980. Este concello tamén foi un dos primeiros en apostar polo Servizo de Normalización Lingüística, aínda que neste momento están sen técnica ou técnico, o que posibilita que teñan implantadas accións de dinamización en diversos eidos transversais. Constenla asegurou que foron dos primeiros concellos en "galeguizar a Administración local" e en aprobar unha ordenanza sobre o uso do galego. Salientou ademais a aposta por iniciativas que promoven e visibilizan a lingua propia no ensino e na mocidade, co programa A festa da palabra, entre o comercio e o empresariado con campañas e accións "encamiñadas a demostrar que o galego non é unha barreira para as actividades comerciais, senón que é unha vantaxe" afirmou. Tamén fixo fincapé en que realizan a práctica totalidade da actividade cultural en galego e "con artistas galegos que usan o galego como lingua vehicular". Por último, lembrou que A Estrada ten un premio orientado exclusivamente a recoñecer a dinamización lingüística, os Premios San Martiño, e patrocina un premio xornalístico, o Reimóndez Portela, e tres premios literarios, o García Barros de novela, o Avelina Valladares de poesía, e o Varela Buxán de teatro.
Pola súa banda, Víctor Caamaño foi o encargado de expoñer unha iniciativa de dinamización realizada de xeito transversal e interxeracional a través do proxecto A memoria das palabras. Unha iniciativa realizada en colaboración cos equipos de normalización dos tres institutos de Cambados e que relacionou dous grupos de idade: a adolescencia e as persoas maiores. A través deste proxecto as mozas e os mozos recolleron información de persoas maiores –esixíase un mínimo de 50 anos de diferenza de idade– relativa a cantigas, patrimonio, alcumes, fotos, oficios e saberes, habilidades, ou refráns e ditos populares. Con esta información elaboraron un sitio web e unha aplicación para móbiles onde poder dispoñer de todos os contidos, e na actualidade están traballando na edición dun libro.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.