Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

27 de febrero de 2018

OS ALUMNOS DO IES ASOREY RECOLLEN O SEU PREMIO POR "CANTIGUEANDO"













Os catro centros de ensino que se fixeron a mediados de xaneiro cos galardóns do certame de dinamización lingüística Vindevídeos recibiron hoxe os seus premios nun acto que se celebrou, tal e como estaba previsto nas bases do certame, no Museo do Mar de Galicia, ao pé do Pergamiño Vindel cuxa estadía galega quixo conmemorar a Consellería de Cultura e Educación a través dunha ampla programación na que se encadrou a iniciativa, convocada polas secretarías xerais de Cultura e de Política LIngüística. O CEIP do Carballal de Marín (Pontevedra), O IES Francisco Asorey de Cambados (Pontevedra), o CEIP Ortigueira de Vedra (A Coruña) e o CMUS Xan Viaño de Ferrol visitarán hoxe á tarde, ademais, a Illa de San Simón como parte do premio outorgado.

“A importante participación e a alta calidade, tanto técnica coma lingüística, dos traballos gañadores evidencia que o audiovisual é unha ferramenta moi atractiva e moi eficaz á hora de poñer en marcha iniciativas coas que promover e dinamizar o uso do galego no eido educativo”, sinalou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, na súa intervención, quen felicitou os premiados e lles agradeceu o feito de teren, tamén, “contribuído cunhs traballos e cunha creatividade que de seguro serían a fachenda de Martín Códax á difusión e ao coñecemento do tesouro da literatura medieval desde o Vindel”. No acto tamén participou o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.


Premios á creatividade de inspiración medieval


O certame de dinamización lingüística Vindevídeos estableceu dúas categorías de premios e en cada unha delas dous galardóns: na categoría de centros de infantil e primaria fíxose co primeiro o CEIP O Carballal, de Marín (Pontevedra), polo seu traballo “Fals’e traedor” e obtivo o segundo o CEIP Ortigueira, de Vedra (A Coruña), polo vídeo “Galicia: referente da cultura medieval”. Na categoría de educación secundaria e ensinanzas especiais outorgóuselle o primeiro ao IES Francisco Asorey, de Cambados (Pontevedra), por “Cantigueando”; mentres que o segundo recaeu no CMUS Xan Viaño, de Ferrol (A Coruña), pola proposta “O Peque Coro do Xan Viaño descubrindo o pergamiño Vindel”.

Os catro traballos impuxéronse entre un total de 58 traballos -28 de infantil e primaria e 30 na categoría do resto de centros educativos- e as catro pezas audiovisuais gañadoras poden verse no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal e na web de Cultura de Galicia www.cultura.gal. Tal e como estaba previsto, os catro centros recibiron cadansúa cámara de vídeo e foto, en función da modalidade; faxímiles do Pergamiño Vindel da autoría de Manuel Moleiro; visitas á mostra “O Pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas” e á Illa de San Simón que desfrutarán hoxe; e os diplomas que os acreditan como gañadores.

Pergamiño Vindel


A Consellería de Cultura e Educación e a Universidade de Vigo promoven a mostra “Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas”, que trae a Galicia dende a Morgan Library de Nova York esta xoia da lírica medieval galego-portuguesa, berce da lingua e da cultura galegas. Na exposición, que se pode visitar ata este mesmo domingo 4 marzo no Museo do Mar de Galicia, o Pergamiño Vindel dialoga con máis de 50 pezas históricas que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas, así como obras contemporáneas nacidas baixo a inspiración deste mundo poético e do propio mar de Vigo.






No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.