Xornalismo é, escribir, publicar e transmitir o que non queren que se publique, escríbase e transmítase, o outro son "plumillas e relacións públicas da censura e a corrupción con premeditación e engano aos seus lectores".
CORES DO SALNÉS É UN BLO
G. Sobre todo crítico.

13 de marzo de 2018

ASOREY E PACO LEIRO NA MOSTRA MÁIS GRANDE DE ARTISTAS GALEGOS








A mostra reúne 192 obras de moitos dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos


A Cidade da Cultura inaugurará este venres, 16 de marzo, a mostra máis ambiciosa realizada, ata o momento, sobre a arte galega: Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación. A exposición presenta unha selecta escolma de 192 obras procedentes das dúas coleccións corporativas de arte máis senlleiras da comunidade e entre as máis importantes de España.
Por vez primeira, unha mesma exposición reúne obras de moitos dos artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Francisco Asorey, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro ou Antía Moure, entre outros moitos ata completar un total de 119.

O Museo Centro Gaiás acollerá ata o 14 de outubro esta escolma de pinturas, esculturas, fotografías e instalacións que supón unha oportunidade única para achegarse ao proceso de construción da nosa identidade cultural e comprender a dimensión universal da arte galega. Á vez, esta exposición facilítalle a toda sociedade o acceso ao relevante patrimonio artístico que posúen as importantes coleccións privadas de ABANCA e Afundación.

Actuación musical

A inauguración contará coa actuación especial de Alejo Amoedo, ao piano, e Asterio Leiva, ao clarinete, para interpretar dous movementos dunha sonata de Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - Madrid, 1993), un dos compositores máis importantes do século pasado, que tivo unha vinculación moi estreita coas correntes artísticas do momento.


Programa de actividades

Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación estará aberta ao público de martes a domingo, con entrada de balde, e contará cun amplo e variado programa de actividades e visitas guiadas e didácticas co fin de contribuír á difusión das obras, cunha especial atención á comunidade escolar, pero tamén aos amantes da arte, co obxectivo de incrementar a afluencia de turismo cultural.
O atractivo da exposición virá reforzado polo deseño da montaxe, a cargo do recoñecido estudio galego de arquitectura Abalo e Alonso, que desenvolveu un proxecto para realzar o valor singular das pezas e establecer un diálogo harmónico coa potencia visual do Museo Centro Gaiás.
O catálogo da exposición, en galego, castelán e inglés e editado polo estudio galego Desoños, representará unha obra de referencia para o coñecemento da arte galega, que permanecerá máis alá da clausura da exposición.
A exposición organiza as obras seguindo un criterio temático, no que as pezas se agrupan ao redor de cuestións como a cultura popular, a presenza da muller na arte, o compromiso social, a paisaxe, o retrato, a tradición e a renovación ou os movementos da nova arte galega.
A través deste discurso Galicia Universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación permite comprender como a construción da arte galega é o resultado de dous factores: do compromiso dos artistas coa identidade e por outra banda, da súa vocación de universalidade, reflectida na ligazón coas tendencias e movementos internacionais.

A exposición ‘Galicia universal. A arte galega nas coleccións de ABANCA e Afundación’ pretende amosar todas as ideas e conceptos expostos ao longo de dez seccións, artelladas de forma mixta, temática e cronolóxicamente, nas que se presta atención aos procesos de desenvolvemento estético e a súa inserción no espazo cultural galego.
1-Cultura popular. Da anécdota á identidade. Na que atopamos a Maside, Torres, Colmeiro, 
Laxeiro, Seoane, Mario Granell... 
2- Representación da muller como imaxe do país. Mater Gallaecia. Neste espectro situamos a 
Maside, Failde, Laxeiro, Colmeiro ou Seoane. 
3- Paisaxe do Romanticismo aos tempos modernos. Localizamos nesta sección a Ovidio Murguía, Parada Justel, Jenaro Carrero, Alfredo Souto, Bello Piñeiro, Francisco Lloréns, Imeldo Corral, Sotomayor, Germán Taibo ou Manuel Abelenda. 
4- A vida, as formas; A natureza morta. Identidade a través dos obxectos. Aquí están artistas como Maruja Mallo, Juan Luis Abelenda e Luis Caruncho. 
5- Público–privado: Grandes escenarios. Grandes formatos. Onde teñen cabida Urbano Lugrís, Carlos Sobrino e Castelao. 
6- Retrato típico e arquetípico. Identificamos nesta categoría a Francisco Asorey, Fernando Álvarez de Sotomayor, Elvira Santiso, Julia Minguillón. 
7- Compromiso social e político. Os novos: Castelao, Arturo Souto, Luís Seoane
8- Entre a abstracción e a nova figuración: Manuel Mampaso, Manuel Molezún, Reimundo Patiño, José María de Labra, Luis Caruncho, Leopoldo Nóvoa, Lodeiro, Tino Grandío e Jorge Castillo. 
9- Atlantismo. Neste abano amplo están Xosé Lodeiro, Manuel Quintana Martelo, Ignacio Basallo, Silverio Rivas, Antón Pulido, Guillermo Monroy, Ánxel Huete, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Lamazares, Antón Patiño, Manuel Moldes ou Din Matamoro. 
10- Local e universal. As redes de comunicación. Nesta sección situamos a Pamen Pereira, Xoán Anleo, Ánxel Huete, Pilar Alonso e Jorge Barbi.




16 marzo 2018 – 14 outubro 2018 
Museo Centro Gaiás Martes a domingo, de 10 a 20 h Entrada de balde 
Visitas comentadas: De martes a venres, 17:30 h Sábados, domingos e festivos, 12.30 e 17.30 h Semana Santa, xullo e agosto, 12.30 e 17.30 h 
Non é preciso reservar praza


No hay comentarios:

Publicar un comentario

NON SE PUBLICARÁN COMENTARIOS ANÓNIMOS. SI O COMENTARISTA QUERE PERMANECER NO ANONIMATO, NON SE PUBLICARÁ O NOME.